Unha obra recolle por vez primeira as 704 cantigas de amor transmitidas polos principais cancioneiros medievais

A profesora do Área de Filoloxía Románica da ȤѶֲַ, Mariña Arbor Aldea, é unha das autoras do volume Universo Cantigas. I. Cantigas de Amor, unha serie dedicada á poesía galego-portuguesa medieval e que se presentará este xoves 24, ás 19.30 horas, a Sala Cubo de Normal, o Espazo de Intervención Cultural da Universidade da Coruña. A obra recolle por vez primeira a edición crítica das 704 cantigas de amor transmitidas polos principais cancioneiros medievais: o da Ajuda, o da Biblioteca Nacional e o da Vaticana.
Ademais da profesora Arbor, este traballo foi levado a cabo polos docentes da UDC e investigadores do Grupo ILLA (Grupo de Աپó Lingüística e Literaria Galega) Manuel Ferreiro Fernández e Leticia Eirín García, así como por Bieito Arias Freixedo, da Universidade de Vigo. A obra é froito dun intenso labor de investigación filolóxica iniciado en 2010, que ten por obxectivo fixar un texto crítico das 1680 cantigas galego-portuguesas que se conservan na actualidade. O financiamento ministerial dos sucesivos proxectos permitiu a creación dunha plataforma dixital na que se pode consultar a edición completa de cada composición.
O volume impreso que se presenta este xoves 24 recolle as 704 cantigas de amor, acompañadas dunha paráfrase en galego actual, referencias ás fontes manuscritas e ás edicións previas existentes, así como un código QR que liga cada poema á súa edición completa da páxina web da iniciativa.
Universo Cantigas. I. Cantigas de Amor conta co apoio da Deputación da Coruña e da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, e marca o inicio dunha serie que agrupa as cantigas segundo os seus xéneros poéticos. Este mesmo ano está prevista a publicación do segundo volume, dedicado ás cantigas de amigo.