RURALtXA! dá pulo ao encontro de turismo de observación da natureza natureWatch que terá lugar na Mariña Lucense

O proxecto RURALtXA! de impulso da bioeconomía rural revalorizando a gandería extensiva de montaña —vinculada á conservación da biodiversidade— participa na organización do encontro de turismo de observación da natureza , que do 28 ao 30 de marzo aterra na Mariña Lucense. Esta edición do foro terá como temáticas centrais o turismo ornitolóxico, a xeoloxía e a botánica do territorio.
O programa do evento, que ten como sede o Centro Sociocultural de Barreiros, combinará relatorios con visitas de campo guiadas por persoal técnico e empresas locais. As conferencias levaranse a cabo o venres pola tarde e o sábado, e estrutúranse en catro bloques: un primeiro bloque para presentar o territorio e un segundo bloque sobre o patrimonio natural, centrarán os contidos do venres 28 de marzo, que se completarán cunha degustación de produtos locais e o faladoiro temático sobre natureza e libros, conducido por Antonio Sandoval, que terá como convidado a Andoni Canela, quen presentará e asinará exemplares do seu último libro Territorio Lobo.
O sábado arrincará cunha visita guiada ao Monumento Natural Praia das Catedrais e unha visita guiada de observación de aves na Praia de Arealonga. Durante o resto da xornada continuarán os relatorios na sede do evento, en Barreiros, cun terceiro bloque de charlas sobre patrimonio xeolóxico e xeoturismo que concluirá cunha mesa de debate en torno ao uso turístico e regulación de accesos da Praia das Catedrais antes de abordar o último bloque de conferencias, dedicado a coñecer experiencias ecoturísticas de éxito. Como colofón á xornada do sábado, terán lugar as mesas coloquio sobre ‘O papel das axencias de viaxe de ecoturismo no escenario do Corredor de Ecoturismo da España Verde’ e ‘A Mariña Lucense destino de ecoturismo. Sustentabilidade, recursos e expectativas’. Esta xornada contará cunha degustación de produtos da Rede de Produtores de RURALtXA!
A última mañá do Encontro transcorrerá no campo, na Serra do Xistral, onde os participantes terán oportunidade de coñecer a importancia das turbeiras e a súa flora, e o sistema de brezais-cabalos da man do proxecto RURALtXA!, así como a situación do lobo, da man de REBINXE, nesta serra lucense.
Un evento comprometido
A educación ambiental e a contribución activa á conservación están intimamente ligados á filosofía de natureWatch A Mariña Lucense. Neste sentido, un feito importante é que os asistentes, coa súa inscrición, axudarán de forma activa á conservación da biodiversidade, pois o 10% da cota vai destinada integramente a un proxecto de conservación local xestionado pola organización para a conservación do medio ambiente REBINXE. A este importe engadiranse os beneficios derivados da exposición que levará a cabo o artista galego José Arcas.
Por outra banda, do mesmo xeito que ocorre en todas as edicións deste evento, natureWatch A Mariña Lucense 2025 será certificado como evento con pegada de carbono compensada, grazas ao acordo cunha empresa líder en sustentabilidade, que se encargará de calcular a pegada de carbono xerada, minimizala e certificar a súa compensación para que natureWatch sexa un evento libre de emisións.
RURALtXA! conta co apoio da Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU, e que recolle entre os seus obxectivos mellorar as capacidades locais/rexionais para o desenvolvemento dun ecoturismo baseado na biodiversidade e nas actividades tradicionais. RURALtXA! desenvólvese en diversas áreas piloto do País Vasco e de Galicia, entre as que se inclúe a Serra do Xistral e o espazo da Rede Natural 2000 Monte Maior que se localizan na Comarca da Mariña. O proxecto é froito da colaboración entre ȤѶֲַ, UDC e HAZI.